miércoles, 4 de agosto de 2010

Xilote

Historia do Xilote


Como quen non quere a cousa, Breogán pasoume a describir uns do crimes máis coñecidos, e de feito uns dos que máis estremeceron as conciencias dos homes da bisbarra, algo que dá testemuña con forza ás informacións da época e ás dilixencias levadas a cabo pola Garda Civil. Poucas dubidas quedan de que o crime sobre o que recae tan triste sona foi o crime do Xilote.

O Xilote era natural e veciño da parroquia de Santiago de Parada e tiña a súa casa nas Poldras, número 111. Era unha vivenda pequena de apenas 60 metros cadrados, de planta baixa, que compartía coa súa irmán. Os seus veciños eran Rosa Fernández é Manuel Domínguez, pero vivía na casa de María Antonia Pérez, na Cruz número 95 (Os números dos camiños empezaban a contar desde a concello, ou sexa desde o norte, desde O Cabo, e polo que se ve este camiño do Cabo estaba ven poboado hasta As Poldras).

O Xilote cultivaba as leiras pertencentes a esa casa, que era da súa primeira muller, máis algunhas de seu que lle quedaban nas Poldras e As Caldas (destas últimas a meirande parte eran de María Antonia e lindaban coas de Isolina Rocha Pérez –que vivía nas Caldas, número 104, e emigrou a América onde fican os seus descendentes- e coas de Marcelino Vázquez).

O Xilote, era un home con bigote. Soia levar sombreiro ou pucha, e aínda que non moi alto, ninguén podía negarlle certa elegancia. Ademáis era recoñecido por todos como amante do bo viño. Era, gustara ou non, o terror das mulleres da parroquia de Parada. Un home de toldada historia e de pouco recomendable conduta privada. Un carpinteiro e labrador que nacera nas Poldras e tiña unha irmá chamada Redosinda que ficara na casa paterna, e que co paso do tempo emigrara a América pra gañarse mellor o pan.

O Xilote estaba casado en segundas nupcias con Isaura González, veciña da parroquia de Luneda. Este último matrimonio contraeuno o 9 de abril do ano 1931.

Isaura, maltratada polo seu home –a dicir verdade os veciños lembran xa que tamén a primeira muller había corrido a mesma desgracia-, non puido máis e abandonouno cando habían transcurridos apenas seis meses de contraer matrimonio, en setembro dise mesmo ano 31. Foi parar a Lisboa, a ben seguro fuxindo do Xilote e da súa conduta incorrexible. Na capital lusa foi contratada como serventa.

O Xilote desapareceu o 14 de febreiro de 1932, día dos namorados, da parroquia de Santiago de Parada, termo de A Caniza. A desaparición de Xosé Fernández, -que así se chamaba de pila o susodito- non foi advertida polos veciños ata o día siguinte, 15 de febreiro. Os veciños que viron as portas da súa morada permanentemente pechadas máis tempo do normal decidiron presentar unha denuncia.

Nada se sabia del. Desde entón por toda a parroquia de Santiago de Parada correu o bulo de que fora asasinado e o seu cadáver sepultado nalgún sitio agochado e ignorado.

O Xilote vivía só e como pasaran horas e horas sen que a casa onde habitaba
-casa que fóra da súa primeira esposa María Antonia Pérez, falecida en estrañas circunstancias; morte da que se lle acusou aínda que non se lle puido probar a súa participación- se abrise, no vecindario xurdiu a natural alarma.

Cumpría descifrar a incógnita, pero ninguén se atrevía a forzar a porta da casa que, ao permanecer pechada, envolvíase en néboas de misterio. Pero como o Xilote posuía animais de labor nas varias cortes, así como ovellas e galiñas na casa onde vivía. estes, mordidos pola fame e pola sede, comezaron a rebelarse no seu pecho. Muxidos e balidos desesperados encheron os ámbitos da aldea.

Entón os veciños, apiadados polos sufrimentos daqueles animais, decidíronse a actuaren. Unha comisión trasladouse desde Santiago de Parada ata A Caniza para dar fe do que ocorría ante o Xulgado en forma de denuncia, a resultas do cal o Xuíz de Instrucción da Caniza trasladouse a Santiago de Parada.

O que ninguén no lugar tiña nin a máis menor das dúbidas era que ao Xilote tíñalle que haber pasado algo, e a forza non moi bo. A saber...: dicían que seguramente estaba morto dentro dos muros que lle serviron de casa. Imposible que, de estar vivo, non saltase do leito a demandar auxilio para si mesmo e coidado para os seus animais, tendo en conta o longo tempo transcorrido.

Chegou o Xulgado

O Xuiz entrou polo camiño compartido que accedía a súa vivenda do número 95, e a adega da veciña Joaquina Márquez Fernández do número 96. Entre a expectación abriu o portelo que da entrada os pequenos resíos do Xilote, que ten o sur -entre o camiño que separa a casa da Joaquina das paredes da súa casa-, e de alí pasaron a porta da cociña pola que se entraba á casa do Xilote, que foi franqueada.

A casa estaba baleira. Toda en orde, pero O Xilote desaparecera como por arte de maxia sen deixar rastro. Dos animais fixéronse cargo os veciños, un tal Antón, a quen lle permitiron seguir utilizando unha das cortes do Xilote, a que queda na veira do camiño público o Oeste, ademáis do alpentre que queda na outra veira, mentras non aparecera O Xilote ou se fixeran cargo dela os herdeiros ou o que o Xuiz autorizase.

A casa e fincas que non vendera, que case na súa totalidade pertencían á súa primeira esposa ao non ter aquela herdeiros directos, encargoullas o Xuíz ao veciño Ramón Pérez Lorenzo, alcalde pedáneo naquel tempo. Este e o Xuiz, co paso do tempo, pasáronllas á veciña Carmen Pérez Martínez, familiar directa de María Antonia Pérez, para que, unha vez levantado o embargo da contribución, poidese facerse cargo delas.

O mesmo pasou co capital da súa irmá Redosinda que, ausente no estranxeiro, seica lle levantou o embargo da contribución –que consistía nunha pequena parte da casa das Poldras que compartía, indivisa, có Xilote, e un par de veigas por As Poldras e Caldas- outro veciño, de nome Guillermo Cerqueira. Entón comezaron as pescudas para buscar a Xosé Fernández Pérez, O Xilote.

Transcorridos dous meses desde que aconteceu o relatado, a investiación non arroxara apenas o menor resultado. Do Xilote non aparecera nin se atopara a menor pegada da súa presencia na bisbarra.

Se cadra uns interrogatorios axeitados fixesen que algúns veciños aportasen probas, razóns ou motivos nos que basear as sospeitas que se teñen de que o Xilote foi víctima dun crime.

Os veciños de Santiago de Parada non se resignaron a que fiquase impune un feito deste calibre e dispuxéronse a axudaren á acción da xustiza. Os aldeáns estaban persuadidos de que Xosé Fernández morrera a man airada e tiñan a convicción de que o autor ou autores do crime enterraran o cadáver para borraren as pegadas do delicto. As xentes non se explicaban como a xustiza non esgotara todas as posibilidades para pór en claro o misterio en que aparecía envolto o asunto.

Pero os aldeáns, debido a ese ancestral temor de “andar na xustiza”, son excesivamente parcos nas súas manifestacións á Garda Civil, que continúa as pescudas para aclarar o feito, aunque o natural hermetismo dos labregos faino complicado. Se os campesiños dixesen aos gardas algo que entre eles din ao falar da desaparición do Xilote, a estas horas, se cadra, estaría o misterio aclarado.

Dise que na véspera Xosé Fernández estivo na parroquia de Luneda, pertencente ao termo da Cañiza e limítrofe coa de Parada. A tarde do 14 de febreiro, e se cadra parte da noite, pasouna O Xilote na taberna que en Luneda posúe Xosé Alonso, xogando con dous individuos, un deles veciño da mesma Luneda, e o outro da freguesía de Mourentán.

Carta de persoa veciña que nos merece absoluto crédito e cuxo nome non é preciso pór ao aire, afirmou: "Si, cónstame por razóns obvias, que o 14 de febreiro último, domingo de piñata, O Xilote ocupouse ata as dúas da tarde en enxertar froiteiros dun veciño da Cruz, familiar da primeira muller de Xosé...

Ás tres da tarde O Xilote encamiñouse cara o lugar de Veiga de Chan, acompañado de A Farrapeira, amante do suxeito misteriosamente desaparecido.

A Farrapeira estivera a esperar polo Xilote nun camiño que hai preto da casa na que vivía o presunto asasinado; e segundo declarou unha veciña que falou con aquela, o desaparecido abandonou a casa da súa amante o citado 14 de febreiro á posta do sol, sen lle dicir qué rumbo se propoñía tomar.

Chegou a saberse de fidedigna procedencia que a bo seguro o Xilote non camiñaba o 14 de febreiro vestido con roupa de faena e calzando zocas, como se deixou dicir, cara a parroquia de Luneda. Eso fora o día antes, e motivo de confusión de datas, cando estivo na taberna de Xosé Alonso.

E sábese máis. Días antes de se ter eclipsado, o Xilote traballara como carpinteiro en casa do Cristovo, de onde saía con sol en rota cara a súa morada.

Din que nesas datas o Xilote daba mostras de preocupación. Semellaba temer algo. Procedía como se presentise que o ameazaba un grave risco. E tan é así que eludía o paso polos piñeirais de Paralonga, como se recease dun atraco ou de cousa peor.

Antecedentes de interese

O asinante dunha carta, veciño e home de recoñecida honorabilidade, non cre que o Xilote fose asasinado na Parroquia de Luneda, pois ninguén, en contra do que se dixo, asegura que o viu nela ou nas súas inmediacións o 14 de febreiro. Pensa mellor que seica o suposto asasinado fose atraído a determinada casa na freguesía de Parada, onde o mataron.

Entendemos, -dinos o asinante da carta- que as pescudas para dar luz a este tenebroso asunto deben iniciarse no sitio onde se supón desapareceu a presunta víctima.

E como o Xilote, segundo os indicios máis dignos de crédito, desapareceu entre os lugares de Veiga de Chan e As Poldras, o fío para desenvolver o intricado enigma hai que tomalo aí.

Traspasouse esta información ao Sr. Xuíz de A Caniza, quen quizais vexa nos datos, que aquí se aportan, materia para unha actuación eficaz na obra de dar cumprida satisfacción a un numeroso continxente de veciños que non se resignan a que, por non esgotarse todos os medios de investigación que son factibles á xustiza, fique impune un crime que é causa de inquedanza fonda e xustificada alarma na Bisbarra.

Máis como moitas veces soe ocurrir e cando xa se cría, dados os meses transcorridos que o suceso habería de se esvaecer nesa nube texida pola complicidade do tempo e o ambiente rural, foi entonces cando o Capitán da Garda Civil de Vigo, don Alfredo Escobar Hortas, trasladouse ata o escenario do presunto crime, decidido a pór en claro o asunto.

Alá, auxiliado polo Oficial don Alfredo Velay; o Cabo don Manuel Gil Galindo –que manda o posto de Teis e emprestara os seus servicios na Cañiza- e varios números, o señor Escobar realizou denodados traballos. Despois de tres días o maior dos éxitos coroou os seus esforzos, dando por resultado o achado do cadáver de Xosé Fernández e a descuberta do autor – autora, pois tratábase dunha muller- do crime.

Cando o Capitán Escobar, coa forza ás súas ordes, chegou á parroquia de Santiago de Parada, escenario do crime, dirixiu as súas actuacións con miras ás Farrapeiras. As lerias dos veciños sinalaban diversas pistas. A maioría destas dirixíanse cara lugares moi arredados da parroquia de Parada.

De entre todas, a Garda Civil decidiuse pola rastro que marcaba como autoras ás Farrapeiras. Un estudio de antecedentes e circunstancias, decidiu ao Capitán Escobar a seguir esta rota e o éxito inmediato sancionou os seus traballos. A base desta pista era a certeza dunha referencia que afirmaba que o Xilote entrou o 14 de febreiro, á tarde, na casa de Consolo e Perfecta Estévez.

O Capitán Escobar practicou un rexistro na casa de Consolo Estévez a Farrapeira, onde vivia con a súa filla Perfecta, de 28 anos. Consolo fora querida do Xilote antes e durante o matrimonio deste con María Antonia Pérez. Desta relación din, sen que se saiba epa a cencia certa, que tiveron un fillo chamado Manuel, que emigrara.

Durante o seu segundo matrimonio con Isaura González, de Luneda, non se lle ocurriu otra millor cousa ao "Xilote" que cambear de querida á nai Consolo pola filla, Perfecta.

Fai catro anos, Xilote e Perfecta, filla da Consolo, entaboaron relacións íntimas, que continuaban. A Perfecta ten dúas fillas, unha de seis e outra de catro anos. E algúns veciños, poucos, din que a última é filla do Xilote. Nin que decir ten que esta clase de vida impune que facía o Xilote era a causa pola que todos os veciños o considerasen un suxeito francamente indesexable.

Pois ben, o efecto dese rexistro na casa das Farrapeiras foi atopar, soterrado, na corte da casa, sita no lugar de Veiga de Chan, o cadáver do desaparecido.

O Xilote estaba sepultado a uns dous palmos de profundidade, na corte dos cochos, cunhas pedras a flor de terra. Unha vez descuberto o cadáver, foi ben fácil achar ao criminal.

O hábil e profesional interrogatorio ao que o capitán Escobar someteu a desgraciada Consolo fixo o resto, quen non tardou moito en declararse autora do asasinato. Consolo detallou cómo lle deu morte a aquel home espetándolle un golpe na cabeza cunha eixada, dando por rematada bruscamente a odiada existencia do Xilote.

No curso de todas estas dilixencias, Consolo daba mostras dunha serenidade arrepiante, sin duda froito do tremendo odio que todavía posuía no seu máis recóndito hacia a víctima que a sua vez tornou a ela e a súa filla en víctimas, previamente.

Consuelo e a súa filla Perfecta foron testigos da escavación a prol dos restos do Xilote con frialdade e sin mover un so músculo da súas faces. Viron, inconmovibles como os restos da víctima eran exhumados do foxo que elas mesmas cavaran na corte.

-Un detalle, meu neno, pode darche idea da serenidade da Farrapeira. Xa desenterrado o cadáver e posto no camiño, Consolo pasou varias veces sobre os restos, sen inmutarse

E seguiume contando Breogán máis detalles do escabroso crime do Xilote...

O cadáver apareceu co cranio completamente estragado e en total estado de descomposición. Sobor del, a chaqueta e a pucha de viseira. A chaqueta era negra cadrando coa declaración dos veciños. Non apareceron as zocas que o Xilote calzaba. Tampouco se acharon a machada que empregaba para partir leña nin as tesoiras da poda.
....Mentres tanto Perfecta, aproveitando os minutos en que os gardas realizaban os traballos de escavación, e co pretexto de ir dar o xantar ás súas fillas, desapareceu. En todo o día do venres non foi vista. Era preciso detela e o Capitán Escobar dispensou este servicio. A este efecto na madrugada do sábado dividiuse a forza da Garda Civil en varios grupos para percorrer a bisbarra.
¿Cómo se cometeu o crime?

En torno aos motivos do crime, ademáis da versión procedente das declaracións feitas por as autoras, Consolo e Perfecta Estévez, circulaba a teoría de que ao Xilote o mataron para lle roubar unhas 350 pesetas que se dicía levaba consigo, suma procedente dunhas vendas de fincas compradas para Carmen Pérez, e da que só se desprendera dunha pequena parte para pagar débedas.

Pero contra a suposición de que o roubo fose o móbil do crime, está o feito de que a Farrapeira nai, ao pouco da desaparición do Xilote, pediu emprestadas 25 pesetas e ademáis escribiulle ao fillo ausente en demanda de diñeiro para atender ás súas necesidades.

Cando a xente lle falaba ás Farrapeiras da desaparición do Xilote, elas contestaban sempre con evasivas. Á fin, chegouse a convencelas de que o mellor era que puxesen o feito en coñecemento das autoridades, e alá partiron para A Cañiza a daren testemuña ao Xuíz da desaparición do Xosé Fernández.

Transcorreran nove días dende o día do crime.

Breogán, tomou folgos, respirou concencuzadamente, levantouse dunha pedra que lle estaba facendo de cadeira, mirou a lontanza e prosiguiu o relato ca mirada fixa no recordo e na lenda, a gusto ante a evidencia do meu interese na historia tremebunda que estaba escoitando, dándolle máis interese se cabe a esta historia rebuscada e apaisoante como excelente conversador que era...

Cando Consolo e Perfecta Estévez compareceron ante o Xuíz a denunciar a desaparición do Xilote, a nai, que levaba a palabra sempre, comenzou explicando que O Xilote estivera a traballar na casa dela o domingo de Piñata. De alí partiu antes da posta do sol, aducindo que se ía porque tiña que ventilar un asunto, e que unha vez zanxado o tema, voltaría de inmediato para atar as viñas.

Consolo matizoulle ao Xuiz que con anterioridade ela o intentou disuadir de certos propósitos que o Xilote abrigaba; pero sen éxito. Afirmou tamén que o home marchou sen lle facer ningún encargo, o que para ela indicaba claramente que tornaría pronto, pero como os días transcorrían sen ter coñecemento del, decidiu vir finalmente para denunciar a súa desaparición. E alí a tiña, pois.

A última tarde do Xilote

O certo e que os veciños de Veiga de Chan, Xoán Álvarez Gómez e Francisco Gil Novoa, emprestaron ante o Capitán Escobar declaracións que tiveron positiva eficacia na descuberta do crime.
-Esto foi, meu neno, o que contaron eses homes, meu rapaz –enlazou con agarimo, lentamente e con máis suspense se cabe, Breogán o relato-...

O 14 de febreiro, pola tardiña, viron o Xilote na morada das Farrapeiras. Xosé Fernández apañaba vimbias preto da casa e ao pasar eles díxolle ao Álvarez que lle axudase para acabar máis pronto. Pero Álvarez recordou que lle negou todo, para non estragar unha tesoira de podar nova.

Máis tarde vírono no mesmo sitio, partindo leña. Xa anoitecía, cando oíron que a Perfecta lle dicía ao Xilote que había que cortar unhas varas para unha parra, ao que aquel contestoulle que estaba caíndo a noite e compría deixalo para outro día. Pero ela insistiulle e o Xilote e a Perfecta marcharon a cortar as varas, de onde terían que tornar necesariamente xa de noite pechada.

Álvarez e Xil engadiron ademaís que o Xilote vestía de negro ou de escuro, declaracións istas que contradicíanse coas feitas xa polas Farrapeiras, xa que aseguraron que o Xilote permanecera ata a noite na súa casa, e que o mandara buscar viño vestindo unha chaqueta gris.

Esta contradicción nas declaracións foi o que, ao parecer, decidiu ao Capitán Escobar, a buscar o cadáver na casa das Farrapeiras e dar co corpo.

....Respecto á forma en que se cometeu o crime, temos que atérmonos, por non haber testemuñas, ao declarado por Consolo e Perfecta Estévez nas dilixencias practicadas pola Garda Civil, onde afirmaron que o asasinato do Xilote perpetouse así:

O 14 de febreiro, despois do traballo, o Xilote estivo como unha media hora máis na morada das Farrapeiras consumindo viño de máis. En non moi bo estado, o Xilote invitou a súa amante a certas salvaxes proposicións, as que ela negouse rechazándoas de fronte. Entón o Xilote levantoulle a man á Perfecta enoxado por no facerlle caso nos seus bárbaros propósitos, e marchou da casa irritado.

Pero á media hora voltou. As mulleres negáronse a franquearlle a porta, temerosas das súas intencións, máis o Xilote non desistía da súa pretensión de entrar. Convencido de que non lle abrirían, Xosé Fernández decidiuse a entrar por unha xanela que dá á cociña.

Escalou pola parede e cando se botaba inclinado cara dentro para irromper na vivenda, Consolo, armada cunha eixada, asestoulle un golpe na cabeza. O Xilote caeu sobre o chan da cociña. Aínda con vida, a súa filla Perfecta rematouno a golpes ca machada.

Daquela veu a tráxica e arrepiante faena de dar sepultura ao cadáver. Esta manobra realizouna Perfecta soa, na corte, cavando a foxa coa mesma eixada que empregara Consolo para lle dar o primeiro golpe. Xa de madrugada, acabou a súa tétrica tarefa e largou a deitarse .
Consolo e Perfecta non cadraron plenamente nas declaracións emprestadas. Isto fai presumir que non dixeron toda a verdade ou que algunha delas a falseou, en todo ou en parte. Sexa como fose a forma en que foi morto o Xilote, o crime foi descuberto gracias ao traslado, en comisión, do Capitán Escobar e a súa equipa Á Cañiza, despois dun traballo exquisito e profesional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario